Ás sete da tarde do pasado martes, trinta e tres alumnos do Instituto Luís Seoane de Monte Porreiro subiron, cada un coa súa frauta, ó escenario do salón de actos do centro educativo. Sentaron, colocaron a partitura no chan, entre as pernas, e, serenos, coa pracidez que dá sentirse cómodos no que se realiza e apoiados por un grupo, á orde discreta dos acordes do piano do seu profesor, comezaron coa interpretación dun repertorio agradabilísimo, perfectamente ensaiado, dominado, harmonioso e conxuntado. Evidentemente non era a Sinfónica de Viena, pero resultaba emocionante ver a tantos adolescentes concentrados nunha actividade tan creativa e fermosa. Remataba así un acto de dúas horas de Celebración das Culturas no que, nesta semana das letras galegas, se souberon apreciar e resaltar as letras, músicas e danzas de todos cantos forman parte da comunidade educativa. Dá gusto ver ós alumnos e pais dun barrio participando dunha actividade deste carácter. Máxime se o barrio ó que nos referimos estivo durante as últimas semanas acaparando titulares de informativos e xornais por conflictos que puideron proporcionar unha imaxe desenfocada da súa actividade e conductas diarias. Os titulares a varias columnas merecíano as imaxes que en toda a tarde se reproduciron no salón de actos. Nos sillóns de espectadores mesturánbase profesores, pais e nais, alumnos e autoridades municipais. Aplaudían e rían a un tempo nais árabes, a súa cabeza cuberta, con nais rubias e brancas; nos corredores cruzábanse pais xitanos con mamás paias, felicitándose efusivamente, un e outra, pola actuación dos respectivos fillos. A satisfacción e unidade no gozo diluía toda diferencia superficial. Alumnos, adultos, formadores, pais, políticos, todos aparcaban diferencias gozando do baile e da música que se regalaba desde o escenario. No áxil e dinámico desenrolo do acto houbo ocasión de escoitar e ver coros interpretando cancións en vascuence e búlgaro, bailes cubanos, danzas do Magreb, percusión xitana, poesía da Pampa, interpretacións ó piano de alumnos con moitas horas de estudio. Gaitas, guitarras, bailes do caribe, rumba e poesía serviron de canle para mostrar a conexión básica entre culturas. A mesturanza entre a espontaneidade e o don do ritmo coa precisión do traballo constante e duro, a integración e compenetración de ritmos de lonxe cos de cerca plasmouse no entusiasmo causado por gaitas que reuniron a mozos cubanos, de África e do norte de Europa para bailar a muiñeira; na forza irrefreable, contaxiosa, da alegría xitana que puxo de pé a todo o teatro. Visitantes cubanos, inmigrantes de varios países, bandeiras distintas conviviron nunha semana por tradición dedicada ás letras galegas, que son estas, as que aquí se entrelazan en comprensión e colaboración. Dá gusto ver un espazo que serve en moitas ocasións para concentrar as distintas actividades do barrio convertido no lugar da unidade e da aceptación do outro. Por iso ten mérito o colofón dos frautistas, tantos, todos en serena harmonía interpretando un son que parecía invitar a todos, sen distitinción, a aprender a valorar o esforzo e a cooperación; unha invitación colectiva para que os de dentro e os de fóra saiban que o barrio está aberto e non se pecha aninguén. Os trinta e tres adolescentes soprando as frautas con limpas melodías de variadas tradicións, concentrados e gozosos de ver o resultado dos seus días de ensaio, chamaban con doce e suave firmeza ó entendemento e ó diálogo. E todos, hipnotizados pola súa interpretación, parecíamos dispostos a seguilos. Por isto merece un titular un acto tan pequecho pensarán algúns, tan anecdótico: unha velada de colexio nunha tarde de maio. E por iso, tamén, merecen felicitación especial as autidades presentes no acto. Desde a inspección educativa á directora xeral, da concelleira de benestar ó propio alcalde, todos alí presentes e participando da ledicia dos alumnos, deron mostras de sensibilidade. Coa participación en actos así é como se demostra realmente a función da actividade política. No compromiso con pequenos grandes actos deste estilo é como se engrandece e dignifica realmente o labor dun alcalde e dos seus concelleiros. E estou seguro que tamén eles aprenderían algo dos frautistas de Monte Porreiro.
16/05/2008
Autor: Miguel Suárez Abel
Publicado no: Diario de Pontevedra


