Ás sete da tarde do pasado martes, trinta e tres alumnos do Instituto Luís Seoane de Monte Porreiro subiron, cada un coa súa frauta, ó escenario do salón de actos do centro educativo. Sentaron, colocaron a partitura no chan, entre as pernas, e, serenos, coa pracidez que dá sentirse cómodos no que se realiza e apoiados por un grupo, á orde discreta dos acordes do piano do seu profesor, comezaron coa interpretación dun repertorio agradabilísimo, perfectamente ensaiado, dominado, harmonioso e conxuntado. Evidentemente non era a Sinfónica de Viena, pero resultaba emocionante ver a tantos adolescentes concentrados nunha actividade tan creativa e fermosa.


